luns, 3 de novembro de 2014

Time line, DIPITY.

      Vou falar dunha aplicación orientada a educación que penso se pode aproveitar moito nas nosas clases. A aplicación chámase DIPITY.  Trátase dunha aplicación web 2.0. Como xa sabesdes encántanme estas dúas cualidades. Que sexa unha aplicación WEB permítenos acceder dende calquera sistema operativo, tan só necesitamos un navegador e tamén me gusta que sexa 2.0 o que nos permite traballar xuntos e colaborar para chegar mais lonxe.

DIPITY é unha aplicación para crear LIÑAS DE TEMPO ou time line, nas que se poden incluir vídeos, imaxenes, enlaces... Despois dun sinxelo paso de rexistro, aparecenos unha aplicación supersinxela que paso a paso nos permite crear a liña de tempo.  Pensadeo ben, crear liñas de tempo, de calquera cousa. Seguro que moitos xa pensachedes e historia e en literatura é perfecto para que os profesores poidan montar dunha forma clara a temporalidade dun suceso histórico ou a vida dun autor.

      Pero démoslle unha volta mais, podemos e debemos promover que sexan os alumnos os que creen liñas de tempo. E non só sobre historia, literartura, senón sobre calquera cousa, evolución dos aprendizaxes ao longo do curso, ou sobre a vida dos nosos alumnos, a historia do centro, do concello.... Case calquera cousa vale. Pensade o traballo de investigación, de lectura, de extracción de información, de comprender esa información que teñen que facer os nosos alumnos para crear unha liña de tempo. 

      Como sempre vos digo démoslle un problema e que traballen para atopar a solución. A esto chamalle KEY COMPETENCES.



luns, 20 de outubro de 2014

O desafío dos mestres.

Un profesor enfréntase todos os días a un desafio moi importante, ensinar a un grupo de nenos diferentes entre si, con diferentes experiencias, con diferentes niveis de coñecemento, intelixencia, capacidade de dominar as súas emocións... A isto hai que engadir, o entorno do alumnado mais ou menos implicado na súa educación, niveis económicos, sociais e culturais moi distintos.

Esta diversidade fai que o ensino sexa unha das profesións mais complicadas que existen. Imaxinade como se enfrentaría un cociñeiro a facer un menú, sen coñecer de todo os ingredientes, incluso os tempos de coción, pois varian dun día para outro, nin os gustos dos comensais... e ademais esiximoslle que sexa un menú rico e saúdable. Complicado, verdade?

Todas estas dificultades os mestres intentan solucionalas con ferramentas metodolóxicas. Metodoloxías de todo tipo, mais directivas, mais analíticas, mais globais, que potencian a memoria ou a creatividade, que traballan as emocions, que sexan mais ou menos motivadoras...

Na facultade de maxisterio, tiven un profesor que dixo que un excelente mestre sería aquel que funcionase coma un médico. Cando da unha medicina sabe para que a dá, como ten que tomala e os resultados que se espera conseguir. Se trasladamos esta idea a un mestre, cando propón un exercicio ou tarefa debería saber para que lla pon, en que dosis, como debe facela o alumno ( individual, pequeno grupo...)os resultados esperados e os camiños alternativos en caso de non conquerir eses obxectivos.

Esto como suporedes é moi complicado. Primeiro porque a maioría do profesorado non ten a formación necesaria. Non hai moitos mestres cunha vagaxe metodoloxíca moi ampla e profunda. So hai que lembrar que na maioría dos casos todos os mestres e profesores utilizan o libro de texto, a clase maxistral e os deberes fotocopiados. Descoñecen ou mellor dito descoñecemos os últimos avances en neuropsicoloxía aplicables directamente á escola.

Ben certo é, que existen multitude de cursos de formación tanto por parte da administración publica coma de entes privados. Esta formación en moitos casos está mal plantexada e case nunca se leva  a práctica e cando se leva, o mestre ten que "aguantar" as zancadillas que lle poñen os equipos directivos, os compañeiros ou os pais e nais do alumnado.

Segundo, os mestres e as familias prefiren o inmovilismo. En xeral os cambios vense con moito medo e aos mestres e profesores que intentan levar a cabo esas dinámicas son vistos como xente "rara". Nos centros educativos sempre están os que lanzan  "coiteladas", que van minando as ilusións de profesionais que queren traballar doutra maneira, convencidos de máxima do Sr Einstein " si buscas resultados distintos, non fagas sempre o mesmo". As veces os acoiteladores están no equipo directivo, adicandose a poñer trabas ao traballo dos innovadores, que si necesitas utilizar libros, que si non podes facer isto, que si fas moito ruido, que si a programación debe ser así, tes que facer o mesmo que os teus compañeiros, o horario ten que ser así...

E terceiro, os recursos dos que se dispoñen son moi limitados, aulas pequenas, mal equipadas, nalgúns casos masificadas, non insonorizadas...

Pero a pesares de todas estas dificultades, ahí están, eses "raros" que poñen a ilusión as horas, que van a todos os cursos formativos que poden, que se arriscan, que so escoitan as críticas positivas e que están dispostos a mellorar, a facer un cambio dende dentro, a demostrar que a escola pode aportar a sociedade todo o que está necesita, a axudar a crear persoas creativas, autonomas, dispostas a traballar en equipo...

Son dos que penso que eses profesionais deberían ser premiados, que no ensino non todos somos iguais, non todos traballamos o mesmo e polo tanto non todos deberíamos recibir o mesmo. Non só estou a falar de diñeiro, senón de recoñecemento, de facilidade no seu traballo, diso que se chama desenrolo profesional. E todo isto para que?, pois para parar co inmovilismo que é unha das grandes lacras do ensino .

martes, 19 de agosto de 2014

Un blog na aula. Unha pequena experiencia.

UN BLOG NA AULA

Coma sabedes son partidario de utilizar as TIC na aula sempre que sexan útiles para a aprendizaxe. Ben sexa como vehículo de aprendizaxe, coma intermediario da mesma ou coma obxectivo directo. Pero o que observo e que o uso das TIC na escola estase a transformar en un "facer mais do mesmo" pero cun ordenador e en dar unha  apariencia de maior profesionalidade de cara a inspección ou aos pais. Cando  a profesionalidade non se mide polo uso das TIC .
Hoxe apetéceme falar dos blogs. Aplicacións revolucionarias non fai tantos anos, pero que agora vironse fagocitadas polas redes sociais. Para min seguen sendo unha ferramenta excelente na aula, pola maior seguridade que aportan, pola súa capacidade de colaboración, de manexo de permisos dos usuarios e pola facilidade de administración por parte do mestre/profesor.
O curso pasado levei a cabo unha experiencia nunha aula cun blog. Concretamente cun grupo de  7 alumnos pertencentes ao PROA de 3º ciclo de educación primaria. Coa utilización do blog  pretendín por unha parte que o alumnado se expresase de forma escrita, se autocorrexiran as faltas de ortografía e que buscasen diferentes formas de expresar unha idea e pola outra que as familias puidesen ver no que estabamos a traballar e como estabamos a traballar.
Coma vedes o blog  fixerono eles, lóxicamente guiados por min. Eu actuei de administrador, dinlles os permisos e nas primeiras publicacións sinaleilles como facelo. Dinlles a responsabilidade, desta maneira eles tiñan a motivación de facer ben o traballo (pois ía ser público) e tamén o pracer de mostrar os resultados das súas investigacións nun proxecto que levabamos . Ao mesmo tempo traballamos, ortografía, composición de textos, capacidade de síntese, expresión, traballo en equipo e seguridade en si mesmos. Seguín a máxima de APRENDER FACENDO.
Podedes ver os resultados do traballo en http://osproactivos.blogspot.com.es/
Algunhas veces cando falo con algúns mestres e profesores queixanse de que non teñen tempo, pero en realidade creo que o problema é a distribución do tempo, ter claro os obxectivos a longo prazo  e evitar tomar os libros de texto como dogmas de fe. Dígovos a modo de exemplo no PROA dispoñemos de dúas horas, dous días a semana. Outras de que non saben como facelo. Hoxe en día esas palabras son case pecado. Existen cursos, manuais, compañeiros que axudan e miles de formas de aprender case calquera cousa.  O que acontece e que ao igual que o alumnado o profesorado tamén anda desmotivado.

domingo, 23 de febreiro de 2014

As reválidas da LOMCE

Confeso que aínda non puiden ler na súa totalidade a LOMCE(estou niso). Unha lei que nace chea de polémicas e que algunha vez analizarei con maior profundidade.
Un dos aspectos con maiores críticas son as avaliacións externas ou tamén coñecidas como reválidas.
Coñécese mais ben pouco sobre estas avaliacións, ata o momento non sabemos o que , o quen ou o como se van realizar estas probas. Este aspecto, a pouca claridade, fai que se produzan moitas especulacións  a maioría en contra da medida.
Eu vou a divagar un pouco e gustaríame que quede moi claro que son meras divagacións.
Imaxinemos que as avaliacións previstas na LOMCE fainas unha empresa independente  e fan unha avaliación de competencias. Estou a pensar nunha avaliación tipo PISA.  Resulta que na miña opinión creo que sería unha medida moi positiva para a educación neste país.
Vou intentar explicarme. Xa sei que os profesores somos moi remisos a que alguén se meta no noso traballo e opine sobre él.
Unha avaliación real, independente e que mida realmente as competencias clave obrigará primeiro a que o profesorado se vexa obrigado a deixar de lado os contidos e centrarse nas competencias a olvidarse en gran medida do traballo cuadriculado e  comezar a dar sentido e aplicación práctica as aprendizaxes. Aquelo que a famosa LOGSE denominaba aprendizaxe significativo.   
Segundo, a que o profesorado non se vai poder "relaxar". Todos coñecemos compañeiros que centran o ensino nun traballo "relaxado" sen molestar a ninguén, pero sen ensinar a ninguén. E digo que non se vai poder "relaxar" porque terán que xustificar os resultados do seu alumnado nesas probas. Pero ante quen se terá que xustificar?, si os resultados son públicos, ante toda a comunidade educativa, ante os seus compañeiros e ante os pais e nais que preguntarán que fixo durante o curso. E isto aínda que nos dé medo é moi positivo. A xente que traballa non terá problema pero os mais "relaxados" recurrirán a desculpas coma  que teño alumnos pouco capacitados ou nos cursos anteriores non se traballou adecuadamente e cousas polo estilo sen  profundidade e que ninguén se cree.  Mirade un exemplo, os profesionais que imparten ensinanzas en 2º de bacharelato vense obrigados a preparar ao seu alumnado para unha proba, a selectividade,   sen desculpas de tempo e de temario é ao final ven avaliado o seu traballo coas notas do seu alumnado e non pasa nada.
E terceiro si os gobernos aproveitan os resultados poderan introducir pequenas correccións (formación específica, maior número de persoal...) nos centros para correxir os malos resultados.
É certo que todo isto vaise ao lixo se a avaliación se fai por contidos. Eu son pesimista e creo que por ahí van os tiros. As competencias básicas tal e como se reflexan na LOMCE ao igual que na LOE se inclinan cara aos contidos mínimos.  E iso pode facer que demos moitos pasos cara atrás na educación. Como consecuencia todos os profesores ao igual que fan os de 2º de bacharelato prepararán ao alumnado para unha proba, que neste caso non os prepara para a vida tal e como o faría unha avaliación de competencias, senón para pasar un exame. Chegaríamos a un ensino pobre, mais pobre.
CONCLUSIÓN.
Entendo as dúbidas que xeran estas probas e creo que é clave no desenrolo da LOMCE  e no futuro da educación no país. De facelo ben iríamos disparados cara unha sociedade ben educada pero de coller o camiño de sempre lanzaríanos cara un pozo moi profundo.